Saturday 04 de May de 2024

Alexandre Otero Iglesias e Verónica Calvo Dopazo gañan o Trail de Lousame 2022


Álvaro Campos Villaverde e Inés Ramos Trasar venceron no Trail Curto

O Concello de Lousame denuncia na Garda Civil un intento de sabotaxe da proba tras detectar que alguén cambiara a sinalización nalgúns tramos de monte horas antes do inicio da carreira

Os atletas Alexandre Otero Iglesias (Triatlón Rianxo) e Verónica Calvo Dopazo (CDM Vértice) gañaron con autoridade o Trail de Lousame 2022, que tivo lugar esta mañá polos montes lousamiás. No trail curto os gañadores foron Álvaro Campos Villaverde (CPC Toxo) e Inés Ramos Trasar (CDM Vértice).

A proba tivo lugar sen incidencias e os 130 participantes puideron chegar á meta sen problema algún, máis aló dalgún abandono por lesión. Un feito que cómpre salientar xa que a carreira foi obxecto dun intento de sabotaxe horas antes do seu inicio, tal e como denunciou o tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, diante da Garda Civil. Na denuncia recóllese que “durante la tarde de ayer o esta madrugada, autor/es desconocidos han movido los carteles indicadores que se había colocado con motivo de una prueba deportiva de trail”

Un feito que foi detectado por persoal municipal e voluntarios/as apenas un par de horas antes do inicio da proba, facendo unha última rolda de comprobación. Dende a organización sospeitan que se trata de alguén que coñece ben a zona e que actuou con moi mala fe, xa que non só quitou postes ou xirou as frechas que marcaban os camiños, senón que fixo marcas erróneas con sprays. Unhas alteracións que afectaron a 9 quilómetros do percorrido de ambas as dúas probas e que, de non seren corrixidas a tempo, levarían aos corredores a confundirse de camiño e perderse polo medio do monte.

Dende a organización destacan tamén que ningunha das alteracións tivo lugar en cruces transitados ou que se puideran comprobar de xeito rápido en coche, senón que se fixeron naqueles puntos aos que unicamente se podía chegar a pe e, especialmente, naqueles que terían impedido ao participante atopar o camiño correcto. Afortunadamente, a rápida actuación do persoal municipal e dos máis de medio cento de voluntarios/as permitiu corrixir todas estas falcatruadas e que a proba se desenvolvera con total normalidade.

Desenvolvemento da proba

A xornada foi moi fría, se ben o certo é que o tempo acompañou xa que se agardaban fortes tormentas para esta mañá. A pesar desas alertas, o certo é que luciu o sol durante case toda a carreira e só houbo uns quince minutos de choiva moi débil, coincidindo coa chegada a meta dos primeiros clasificados. Iso fixo que a práctica totalidade dos 130 participantes completara a proba, salvo catro abandonos por motivos físicos.

O Trail Longo foi dominado dende o primeiro momento por Alexandre Otero Iglesias, que tardou 2 horas, 7 minutos e 38 segundos en percorrer os 25,8 quilómetros dun percorrido de dificultade media-alta e cun desnivel acumulado aproximado de 1.115 metros de desnivel positivo e 1.119 metros de desnivel negativo. O atleta do Triatlon Rianxo chegou a sacarlle máis de sete minutos ás dúas persoas que o acompañarían no podio e que entraron na meta da man: Pablo Fernández García e Tote Díaz Díaz, ambos os dous do Club Traileros Toxos & Birras cun tempo de 2 horas, 15 minutos e 5 segundos. Dáse a circunstancia de que catro dos cinco primeiros clasificados na proba pertencían ao Traileros Toxos & Birras.

Na proba feminina, Verónica Calvo Dopazo, gañadora da edición 2021 do Trail Curto, vencía este ano no Trail Longo cun tempo de 2 horas, 45 minutos e 6 segundos, que lle valeron para entrar no posto 22 da clasificación xeral. Verónica Calvo dominou comodamente a proba en todo momento, pois os 2 minutos de vantaxe que tiña no punto intermedio da proba transformáronse nos 5 minutos que lle quitou en liña a de meta a Sabela Pensado Parada (Virxiguianos Trail Sachacamiños), que entrou no posto 25 da xeral cun tempo de 2 horas, 50 minutos e 7 segundos. Completou o podio Lucía López Palemeiro (Traileros Toxos & Birras), cun tempo de 2 horas, 54 minutos e 40 segundos.

Trail curto

No Trail Curto as cousas estiveron máis disputadas. O triunfo foi para Álvaro Campos Villaverde (CPC Toxo) cun tempo de 1 hora, 19 minutos e 24 segundos. A menos dun minuto entraba o seu perseguidor: Maxi Oubiña Falcón, do Club Atletismo Cambados-Seguros Noval con 1 hora 20 minutos e 23 segundos. Completou o podio Manuel Canoura Abeijón que chegou 23 segundos máis tarde.

Na categoría feminina, Inés Ramos Trasar (CDM Vértice) inscribiu o seu nome entre as gañadoras deste certame cun tempo de 1 hora, 49 minutos e 23 segundos, posto 38 na xeral. Tres postos despois entraría Ana Martínez Martínez (Serres Runers”, cun tempo de 1 hora, 50 minutos e 29 segundos. Completou o podio María Tubío Hermo (SD Barbantia Roda) cun tempo de 1 hora 54 minutos e 33 segundos.

Entrega de premios

Os premios foron entregados polo tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; acompañado por Jesús Martínez, concelleiro de Deportes, e Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura. Ademais dos trofeos aos 6 primeiros clasificados, masculinos e femininos, de cada Trail, entregaron por primeira vez un premio aos mellores clasificados locais: Manuel Gómez Gómez (CS Trabandainas) e Elena Torea Torea (Club Atletismo Lousame), que entraron no posto 11 e 44, respectivamente, do Trail Longo.

Tamén recibiron premios os atletas de máis idade: José Rial Pais (Club Atletismo Outes) con 69 anos; e Susana María Gómez Lodeiros (Tartarugas), con 50 anos. O premio ao club máis numeroso foi para Traileros Toxos & Birras, seguidos polo BJ Running Team e o Club Atletismo Lousame.

Dende o Concello de Lousame agradecen especialmente a colaboración dos máis de cincuenta voluntarios e voluntarias, sen cuxa axuda non tería sido posible o desenvolvemento da proba, así como a: Cruz Roja Noia, Protección Civil de Lousame e Club BTT O Treito. O Trail Lousame 2022 foi organizada polo Concello de Lousame, que contou coa colaboración de Atmósfera Sport, Gadis, MC Bikes, Rekord Sport, Hoka One One, Mobel agasallo técnico, Fermín Simal SL, Alqui Noia, Autos Comparado e Nutri Sport.